Tuesday 14 de May de 2024

O Entroido pobrense despídese no 5 de marzo co enterro do Felipiño do Maño


O enterro do Felipiño do Maño no 5 de marzo marcará o remate do Entroido na Pobra do Caramiñal. Trátase dunha iniciativa organizada por veciñanza do lugar coa colaboración do Concello.

A concelleira do Turismo, Charo Varela (Nós Pobra), puxo en valor esta tradición que, na localidade, “se vén recuperando nos últimos anos e que cada vez colle máis forza.” Gabou así o labor da organización, que estaba representada por Pastor Lago, quen animou á veciñanza a sumarse a esta pintoresca actividade.

A saída do cortexo fúnebre está prevista para as 19.00 horas dende o campo de Cabío, na parroquia do Xobre. O itinerario será o habitual: percorreranse as diferentes rúas do Maño para, deseguido, dirixirse á ponte de Santo Antonio e proseguir por distintos emprazamentos do casco urbano da vila. Chegará ao seu fin na rampla do peirao, a carón da praia dos Areos, onde se efectuará a súa incineración pasada a medianoite.

A comitiva contará co acompañamento musical da charanga Eravisto.

A Policía local e Protección Civil encargarase de que esta particular cita transcorra en condicións de seguridade.